Xa na Casa-Museo o retrato que Brocos lle fixo a Rosalía en vida

A Deputación da Coruña cédelle á Casa-Museo o retrato que Brocos lle fixo a Rosalía en vida, ademais de dúas butacas e un sofá que pertenceron á familia Murguía de Castro e cinco cadros de Ovidio Murguía.

A Casa-Museo de Rosalía recibiu esta mañá a visita do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo Pouso, que fixo entrega oficial -vía cesión en depósito- de varios bens relacionados con Rosalía: o retrato do pintor Modesto Brocos (o único feito en vida), dúas butacas e un sofá que pertenceron á familia Murguía de Castro e cinco cadros de Ovidio Murguía.

Diego Calvo foi recibido por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, quen salientou o valor dos obxectos cedidos en depósito pola Deputación por un período dun ano que se poderá prorrogar anualmente de forma automática. Estas pezas estaban até o de agora expostas no Pazo de Mariñán.

Segundo afirmou Angueira, “estas pezas, especialmente o cadro de Brocos, supoñen un salto cualitativo para a Casa-Museo. Grazas ao seu acondicionamento, a Casa de Rosalía pode acoller e exhibir agora obras deste valor artístico e histórico que para nós teñen ademais un alto valor simbólico pois supoñen o regreso de Rosalía á súa casa”.

Retrato de Brocos

Este retrato de Rosalía de Castro foi pintado por Modesto Brocos (Santiago de Compostela 1852-Río de Janeiro 1936) nas Torres de Hermida de Lestrobe en 1880, cando Rosalía residía nesta casa cos seus fillos, acollida polo seu curmán José Hermida de Castro. Segundo testemuño do propio artista, Brocos visitou en tres ou catro ocasións a Rosalía neste lugar para traballar no retrato.

Brocos pinta a unha amiga, a unha igual, e fai o retrato dunha muller escritora e intelectual. Rosalía aparece seria, segura e serena. Velaquí o único cadro que coñezamos para o que posou. O cadro estaba aínda sen rematar en 1885, cando aconteceu a morte da escritora. O pintor escribe desde Italia a Murguía para dar o pésame e pide que ninguén lle toque ao cadro, que el quere rematar á volta da súa viaxe.

Propiedade da familia Murguía-de Castro até a morte de Gala, a última descendente, a peza é pouco coñecida porque estivo pendurada nun dormitorio do domicilio da Coruña, cuarto ao que non accedían as visitas. A Deputación da Coruña adquiriu esta e outras pezas aos herdeiros de Gala, posibilitando así o seu coñecemento público.

Butacas e sofá

O sofá de tres prazas e as dúas butacas a xogo con brazos formaron parte da moblaxe da sala da familia Murguía de Castro até a súa última residente na rúa San Agostiño da Coruña.

Cadros de Ovidio Murguía

A Deputación tamén cedeu cinco cadros pintados por Ovidio Murguía de Castro (1871-1900) que se encontraban na Torre do Pazo de Mariñán, na sala Rosalía:

– “Primavera” (1890 ca), acuarela sobre papel (24x17cm)
– “Verano” (1890 ca), acuarela sobre papel (24x17cm)
– “Otoño” (1890 ca), acuarela sobre papel (22x14cm)
– “Invierno” (1890 ca), acuarela sobre papel (22x14cm)
– “Mujer lavando” (1890 ca), óleo (24,5x15cm)

Ovidio Murguía de Castro (Lestrobe 1871 – A Coruña 1900) é o terceiro fillo de Rosalía e Murguía e xemelgo de Gala. Foi un prometedor pintor cuxa carreira foi truncada pola súa temperá morte. Discípulo de Fenollera en Santiago, logo instalouse en Madrid na casa do novelista Alejandro Pérez Lugín, e en terras da Meseta desenvolve unha vocación paisaxista de estilo realista, próxima ao naturalismo e con certo espírito romántico. Morre de tuberculose aos 28 anos no inverno de 1900.

Novo proxecto museográfico

A Fundación Rosalía de Castro está agora inmersa na procura de financiamento para levar adiante o novo proxecto museografico que foi desenvolvido por Xosé Barro e aprobado polo Plenario da Fundación. Con esta reforma aínda pendente prevese rematar o conxunto de melloras previstas para a Casa-Museo que foron emprendidas neste 150 aniversario de Cantares gallegos que está a piques de rematar.

Aquí poden baixar imaxes das pezas e do acto.