Conxunto escultórico de homenaxe a Rosalía no Paseo da Ferradura de Compostela. Autores: Isidro de Benito e Francisco Crivillés. Inaugurada en 1917

Para Galicia Rosalía de Castro é algo máis ca unha escritora. Xeración tras xeración, a súa figura é un referente que está por riba de ideas e xeografías. Para os galegos e galegas ningunha outra figura literaria ou cultural ou política ou o que for os une tanto arredor do sentimento de pertenza a unha terra. Ela xerou innumerables páxinas, imaxes, cancións… Sen dúbida, una das máis representativas visións da nosa autora foi a dada por Curros en célebre poema: “Do mar pola orela / mireina pasar / na frente unha estrela / no bico un cantar”.

O debuxo dos seus perfís foi variando ao longo da historia, como variaron e evolucionaron as revisións estéticas, literarias e sociais do proxecto que ela mesma encabezou. A inicial canonización elevouna como santa e nai, nai sufridora das penas propias e das alleas, mater protectora, santiña dos altares do pobo. Toda canonización literaria ten o perigo de converterse ás veces en santificación. Posteriormente, arredor da poeta intimista, da poeta da sombra, da soidade, da dor e da angustia, escúlpese unha nova Rosalía, desvinculada do folclore e do mundo popular. É a Rosalía profunda, metafísica, filosófica, existencial: a Rosalía da saudade.

Máis tarde, arredor do Congreso Internacional de 1985 xestáronse novas perspectivas sobre a súa obra: a Rosalía patriótica e social, a dos oprimidos, a feminista… Hoxe as novas achegas desde a análise da paisaxe, as estratexias discursivas, a utilización dos cantares populares, os espazos simbólicos de transgresión e resistencia, o suxeito literario e político, a narrativa, etc. fannos ver que Rosalía de Castro resulta inesgotábel. Rosalía sempre falará, como os grandes escritores.

Que Galicia teña como “pai da patria” unha muller xa é ben significativo da orixinalidade do proceso iniciado no Rexurdimento. No fondo, son a súa rebeldía e ese estar sempre á beira dos humildes as ideas xerais que manexa o pobo galego cando escolle Rosalía de Castro para darlle nome a unha escola, a unha rúa, a un grupo folclórico, a unha sociedade de emigrantes, a unha publicación… Que Rosalía seguirá sendo bandeira de Galicia, non merece ningunha dúbida. A súa imaxe está destinada a acompañar e iluminar para sempre, cos perfís que foren pero coa luz daquela estrela, o proxecto que ela mesma axudou decisivamente a pór en marcha: o da dignidade e o da liberdade.