O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o vicerreitor de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, e o representante da Asociación de Gaiteiros Galegos, Olimpio Xiráldez, presentaron hoxe en rolda de prensa os primeiros actos dun ano dedicado a celebrar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, obra única coa que Rosalía abriu o proceso que se deu en chamar ‘Rexurdimento’ da literatura e da cultura galega. O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego, ao que lle agradecemos a súa colaboración.

As tres institucións, contando co apoio do Goberno galego e de outras entidades, celebrará esta efeméride con diversas actividades (exposicións, ciclos de conferencias, concertos, publicacións, eventos a pé de rúa, etc.) a realizar en toda Galicia, e coa pretensión de que teñan réplica en varios lugares do mundo. Hoxe mesmo acabamos de publicar esta web da Fundación Rosalía onde se poden seguir os actos ao longo do ano.

24 de febreiro, Día de Rosalía

O primeiro día sinalado deste ano é o 24 de febreiro (Día de Rosalía e 176 aniversario do seu nacemento), cando celebraremos con varios actos o nacemento da poeta. En primeiro lugar, haberá unha “Alborada para Rosalía” para o que estamos a facer un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia para que nesa mañá dean unha alborada de gloria en honra á poeta padronesa en todas as vilas e cidades do país. Ao remate, lerán un manifesto. Trátase dunha iniciativa conxunta coa Asociación de Gaiteiros Galegos. Os gaiteiros que queiran participar poden anotarse na web da Fundación.

Ademais, ás 10 da mañá faremos unha ofrenda oral ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora (Praza de Vigo, Santiago de Compostela). E a continuación realizaremos un acto na Casa de Rosalía en Padrón onde personalidades culturais, sociais e políticas de toda Galicia interveñen e recitan na honra da escritora. Alí presentaranse ademais os actos conmemorativos do 150 aniversario de Cantares gallegos. E contaremos coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus.

Durante o ano haberá diferentes actividades ao longo de todo o país, como unha exposición, concertos, etc. Tamén moitas outras institucións, como a AELG ou o Consello da Cultura Galega, ademais de múltiples asociacións e concellos, celebran múltiples actos en memoria dos 150 anos de Cantares Gallegos.

Reinauguración da Casa de Rosalía

Alén das actividades, en decembro contamos con reinaugurar a Casa de Rosalía. Agora mesmo estamos coas obras de mellora das condicións de conservación e accesibilidade, realizadas con fondos FEDER a través da Xunta de Galicia, e en breve acometeremos a renovación do proxecto museolóxico e museográfico: coñecer a escritora, evocar o mito.

Share